Saturday 18 de May de 2024

Nova campaña de sensibilización sobre o coidado dos xardíns promovida polo Concello de Carballo e Dixardín


A brigada municipal de xardíns vese obrigada a repoñer plantas con frecuencia porque desaparecen

A desaparición de plantas dos xardíns públicos é moito máis frecuente do que nos gustaría, o que obriga a realizar continuas reposicións. Por desgraza, esa práctica repítese en distintos lugares, sobre todo en zonas de paso, pero hai espazos nos que, pola súa reiteración, o problema agrávase. Na zona verde da Praza da Milagrosa, que vén de ser obxecto dunha reforma integral nas últimas semanas, levan desaparecido plantas por valor superior aos 500 euros, as últimas esta mesma noite, e no Rego da Balsa ocorre o mesmo coa flor de tempada.

Ante esta situación, o Concello de Carballo e Dixardín volverán a activar a campaña de sensibilización sobre o coidado dos xardíns que se puxo en marcha, con moi bos resultados, o ano pasado. Deste xeito, nos vindeiros días poderás atopar carteis como o que aparece na imaxe nas distintas zonas verdes do noso concello. Estes letreiros con forma de piruleta sinalizarán lugares nos que había plantas que foron subtraídas.

Ademais de pedir a colaboración da veciñanza para manter no mellor estado posible as zonas verdes, que son patrimonio de todas e todos, apelamos á colaboración veciñal para poñer en coñecemento da Policía Local calquera información sobre a autoría das subtraccións para poder actuar en consecuencia.

A colocación das piruletas súmase a outras actividades de sensibilización como Presume de xardíns, en colaboración coas familias e os centros escolares, os cursos de poda realizados en varias parroquias, as plantacións comunitarias de árbores, a creación dos xardíns de Rosalía de Castro ou do Xestal e outras que verán a luz nos vindeiros meses dentro do proxecto de educación medioambiental Catro estacións, vinculado á creación e mellora de zonas verdes e arboradas e espazos axardinados en distintos puntos do noso concello. O principal obxectivo é, precisamente, implicar á veciñanza na súa conservación a través dunha serie de iniciativas orientadas a fomentar o coñecemento da nosa riqueza de flora, poñer en valor os recursos naturais do territorio e fomentar o respecto polos xardíns como bens comunitarios.